OS DATOS DO DÍA
Mércores, 5 de Febreiro de 2025
SAN FRANCISCO BLANCO (5-II)

Naceu en Santa María de Tameirón (A Gudiña - Ourense) no ano de 1570. De neno coidou o gando dos seus pais nos montes da parroquia.

Xa mociño, persoas amigas déronlle unha bolsa de estudios para que fose ao colexio de Monterrei (Verín), dos Padres Xesuítas e logo a Salamanca. Aquí comezou a agromar nel a vocación relixiosa debido á súa relación cos frades franciscanos que coñeceu na universidade.

Profesou no convento de Villalpando e volveu a Salamanca para proseguir os estudios. Por motivos de saúde foi enviado a Pontevedra. Na cidade do Lérez entusiasmouse coa idea de ir a misións e conseguiu enrolarse nun grupo de 50 frades enviados a Filipinas e ao Xapón.

Despois dun ano de navegación chegou ao Xapón. Dedicouse con entusiasmo a aprender a lingua. O seu labor misioneiro foi curto en tempo, pero fondo en intensidade. Cando a persecución xurdiu contra os cristiáns, confesou a Cristo ata o sacrificio da súa vida. Morreu crucificado con outros 25 compañeiros, relixiosos e leigos, o día 5 de febreiro na cidade de Nagasaki. Son os protomártires (proto= primeiros) de Cristo no Xapón.

  

PREGUNTAS PARA O DIÁLOGO

Os mártires son admirables e o testemuño da súa vida é un chamamento á nosa fidelidade á vocación.        

A túa vida é testemuño de fe e fidelidade a Deus na familia, na clase, cos amigos...?

ORACIÓN

Sentimos a forte chamada 

de quen quere a todos salvar,

para darlle saída a este mundo 

que o afaste das néboas do mal.

Que si, señor, que si,

connosco podes contar.

Respostas que duren por sempre,

aniñadas no noso interior,

que reflictan posturas valentes,

compromisos que saiban de amor.

Alleos a verbas baleiras,


á procura de xestos de fe,

arriscamos a nosa existencia

por camiños que leven a Deus.

ANIMADOR DO ORACIÓN TODOS
SAN XOÁN BAUTISTA DE LA SALLE ROGA POR NÓS
VIVA XESÚS NOS NOSOS CORAZÓNS POR SEMPRE!