OS DATOS DO DÍA
Luns, 15 de Xuño de 2026
SAN PAIO (15 - VI)

Estamos ante o santo galego máis popular en Galicia e en todo o noroeste peninsular: Asturias, León e norte de Portugal.       

Naceu Paio no ano 912 en Alveos, parroquia da diocese de Tui, na provincia de Pontevedra. Aínda neno, nunha das incursións dos mouros, no tempo de Abderramán III, foi feito prisioneiro e deportado a Córdoba co seu tío Hermixio, bispo de Tui, e outros cristiáns da bisbarra do Baixo Miño.

Na cidade andaluza permaneceu preso coma refén varios anos. Levado ó pazo do Califa, por negarse a renunciar á súa fe e resisti-los planos luxuriosos do monarca, foi martirizado ata entrega-la súa alma a Deus. Era o 26 de xuño do ano 925. Aínda non fixera os 14 anos.

Transcurridos tres anos da súa morte xa se lle daba culto no Baixo Miño. Ó mesmo tempo se lle dedicaba un mosteiro de benedictinas en Alveos, e outros nas ribeiras do Miño, Sil e nas cidades de León e Oviedo.

O seu corpo foi trasladado a León e máis tarde a Oviedo. Unha reliquia do santo gárdase no mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares, que o venera como patrón dende 1152.

En Galicia están dedicadas a este santo unhas 50 parroquias.

PREGUNTAS PARA O DIÁLOGO

A pesar dos anos que nos separan, pode o adolescente Paio ser modelo para a mocidade de hoxe?     

A súa afouteza na defensa da súa fe, o non deixarse arrastrar polo ambiente e o seu martirio, provocan interrogantes en ti?                                   

ORACIÓN

Sabíalo?  A túa vida non é para ti,

soamente para ti

O teu corpo non é para ti,

soamente para ti.

Nin a túa intelixencia,

nin o teu tempo, nin os teus cartos...

Sabíalo? Estás feito de sal e lume.

Sal para salgar e lume para alumar.

O teu é desfacerte coma o sal,

salgando os demais.

Que fermoso é ser sal e lume,

á sombra de Xesús,

para facer unha Galicia nova

a carón dos humildes desta Terra!

ANIMADOR DO ORACIÓN TODOS
SAN XOÁN BAUTISTA DE LA SALLE ROGA POR NÓS
VIVA XESÚS NOS NOSOS CORAZÓNS POR SEMPRE!