OS DATOS DO DÍA
Mércores, 4 de Decembro de 2024
MARÍA NAI CERCANA

Lectura do Evanxeo: Xoán 19, 25-28

 

Durante trinta anos María está á beira de Xesús. Nos tres restantes acompáñao nos momentos máis importantes. Non podía faltar, por suposto, no momento no que ía morrer.

Nesta circunstancia aproveita Xesús para darlla como nai a Xoán, o seu discípulo amado, e a todos nós. Por iso María está sempre ó noso lado, como estivo ó lado de Xesús.

Nas nosas vidas tamén se fai presente, ás veces, a tristura, a dor, e o sufrimento. Vivimos ás veces sen paz, intranquilos e anguriados. Precisamos alguén que nos tenda unha man.

María sempre está presente nas nosas vidas. Ela preocúpase de nós. Ela pode sacarnos desas situacións e enchernos de nova ilusión. Ela é a nosa nai, e a nai entende ó fillo, compréndeo. Non teñamos reparos en acudir á nai, sempre que o precisemos.

PREGUNTAS PARA O DIÁLOGO

Que importancia dás a María na túa vida?

Cando acodes a ela?

Que lembranza tes a diario de María, como a túa nai espiritual?

ORACIÓN

L. María, nai de tódolos homes,

   vimos a ti para que nos animes

   nos nosos sufrimentos

   e deas folgos ós nosos pés cansados.

T. Nai, en momentos duros, axúdanos.

L. María, Nai nosa,

   acompáñanos no noso camiñar,

   pon ledicia nas nosas tristuras

   e esperanza nos nosos desánimos.

T. Nai, nos momentos duros, axúdanos.

L. Ti que coñéce-las nosas penas e sufrimentos,

   dános folgos na dor,

   dános paz na vida,

   ilumina os nosos ollos na escuridade.

T. Nai, nos momentos duros, axúdanos.

ANIMADOR DO ORACIÓN TODOS
SAN XOÁN BAUTISTA DE LA SALLE ROGA POR NÓS
VIVA XESÚS NOS NOSOS CORAZÓNS POR SEMPRE!