OS DATOS DO DÍA
Luns, 3 de Febreiro de 2025
SAN XOÁN BOSCO (31-I)

Don Bosco, coñécese por este nome no mundo enteiro, naceu de humilde familia en Italia no ano 1815. Pastor dende moi pequeno, malabarista na súa adolescencia, seminarista moi aplicado na súa mocidade, capelán de presos cando se ordenou de crego, devotísimo sempre de María Auxiliadora, amigo namorado da mocidade ata a súa morte, fundador... finou en 1888.

Morreu?... Non, Don Bosco segue vivo en miles de salesianos que seguiron as súas pegadas, en centos de miles de persoas que se colocaron baixo a súa protección... Si, Don Bosco segue vivindo en miles de homes, de mulleres, de xoves, adolescentes e nenos, que frecuentan as aulas dos seus relixiosos e relixiosas. Ata Mao Tse Tung, o gran xefe comunista chinés mandou ós seus 1.100 millóns de compatriotas: "Honrarás a Xoán Bosco, que coidou dos humildes e educou os obreiros".

Puido ser diplomático, xeneral, bispo... calquera cousa; pero a súa vocación foi educador da mocidade. A súa ledicia contaxiosa, a súa virtude sinxela e heroica, a súa confianza en Deus e nos homes foron o imán que, ó abeirarse a el os xoves, achegábaos tamén a Deus.

PREGUNTAS PARA O DIÁLOGO

Experimentas ti, como Don Bosco, a ledicia de darte ós demais?

Son para ti os pobres e os humildes, como para el, motivo de predilección?

ORACIÓN

Con tódalas creaturas entoémo-la canción

que día e noite se canta a gloria do Creador.

Con tódolos redimidos, cantemos de corazón

os que fomos liberados por obra do seu amor.

Canta o sol, canta o mar,

Canta todo canto hai (2).

Canta o sol que nos visita

desde o mencer ó solpor,

cantan as tebras da noite,

todo che canta, Señor.

Canta o neno, canta o vello,

canta a mocidade en flor,

cántache a idade adulta,

todos che cantan, Señor. Canta...

ANIMADOR DO ORACIÓN TODOS
SAN XOÁN BAUTISTA DE LA SALLE ROGA POR NÓS
VIVA XESÚS NOS NOSOS CORAZÓNS POR SEMPRE!