OS DATOS DO DÍA
Luns, 14 de Abril de 2025
BEATO IRMÁN ESCUBILIÓN ROUSSEAU (14-IV)

Misioneiro dos escravos

 

De certo que ás veces te sentes impresionado cando se fala dos misioneiros, da súa afouteza para deixar canto os rodea e lanzarse á aventura de servi-los demais en países distantes.

O Irmán Escubilión foi un deles. Con 36 anos deixou a súa familia para nunca a volver ver. Abandonou o seu país, Francia, e foise á illa da Reunión, no océano Índico, onde pasou outros 34 adicándose a unha infatigable actividade misioneira, como amigo, mestre e infatigable catequista dos escravos.

Preocupouse por ir creando neles  conciencia da súa dignidade persoal de fillos de Deus. Mentalizaba os amos dos escravos da inxustiza desa situación; instruía os escravos, aínda que tivese que ir ás súas choupanas para darlles clases.  O seu traballo resultou ser unha lenta revolución chea de amor, sen violencia; e froito dela foi a abolición da escravitude en 1850.

Morreu o 14 de abril de 1867, con 70 anos. Foi chamado "escravo dos escravos" pola súa profunda contribución para reconciliar a uns con outros mediante o perdón. Soubo amar a Deus, amando os pobres e os humildes, atendendo os enfermos e agarimando os nenos que lle estaban confiados.

PREGUNTAS PARA O DIÁLOGO

Síntome máis feliz, dicía o irmán Escubilón, cos marabillosos ex-escravos, sentado no medio deles, que no trono máis grande do universo".

Como podemos ser misioneiros hoxe dende o lugar onde nos atopamos?

ORACIÓN

Ditosos os que traballan pola paz

e fan da vida un oasis

de encontro e fraternidade.

Ditosos os que son mansos e doces,

nos seus ollos mirando os outros,

nas súas mans sempre abertas,

na súa escoita sen presa algunha,

na súa palabra que agroma

dun corazón sincero e agarimoso.

A eses, Xesús, teu Pai

vainos chamar fillos seus.

Axúdanos a saber acoller

a tódolos nosos irmáns

e a ser portadores da túa paz.

ANIMADOR DO ORACIÓN TODOS
SAN XOÁN BAUTISTA DE LA SALLE ROGA POR NÓS
VIVA XESÚS NOS NOSOS CORAZÓNS POR SEMPRE!