OS DATOS DO DÍA
Xoves, 17 de Abril de 2025
A CORESMA QUE LLE CAE A CADA UN
C O R E S M A

E logo virá o que lle caia a cada un, sempre máis duro de soportar có que un escolle, pero moito máis importante no servicio de Deus.

Un ten unha complexión natural débil; outro, un temperamento difícil; outro ten determinada eiva física, intelectual, afectiva... Algúns viron definitivamente frustrados os seus proxectos por unha adversidade familiar, un accidente, unha enfermidade...

Ás veces parécenos que calquera circunstancia, fortuíta en si mesma, puido cambia‑lo rumbo das nosas vidas.

E logo veñen as limitacións que se experimentan en cada situación de vida concreta: as persoas coas que teño que vivir, o traballo que teño que facer, as obrigas que sobreveñen ineludiblemente e que pronto se fan carga pesada... e o "tedio da vida".

E, cos anos, o cansazo, os achaques, a vellez... e a morte, cando Deus queira e como queira.

PREGUNTAS PARA O DIÁLOGO

Acépta‑la cruz na túa vida, ou polo contrario, cando te visita a dor poste de mal humor?

A cruz: abéirate a Deus ou afástate del?

ORACIÓN

Pai, Ti acompañáche‑los pasos de Xesús,

os pasos da súa vida e da súa morte.

Arrimáche‑lo teu ombro ó seu

sempre que o seu brazo e a súa palabra

protestaron contra calquera inxustiza.

Ti alentáche‑lo seu servicio,

pero non lle aforráche‑la cruz,

nin o corpo roto, nin a alma angustiada,

nin o berro desesperado,

e con todo, confiou en Ti.

Deixa que recollámo‑lo teu saúdo,

o teu saúdo, hoxe, para nós

sabendo que o teu saúdo é hoxe a cruz.

ANIMADOR DO ORACIÓN TODOS
SAN XOÁN BAUTISTA DE LA SALLE ROGA POR NÓS
VIVA XESÚS NOS NOSOS CORAZÓNS POR SEMPRE!