OS DATOS DO DÍA
Martes, 29 de Abril de 2025
SANTO ISIDORO (26-IV)

Conta unha vella lenda que ó mozo Isidoro non lle gustaba nada estudiar. Parecíanlle aburridas as clases, impartidas en latín. Por iso, ás veces, fuxía da escola-mosteiro na que os seus pais o internaran. Un día, nunha das súas fuxidas, sentou, cansado, á beira dun pozo, para refrescarse.

Observou con atención a auga, o fondo, o caldeiro, a corda, a roldana. Decatouse que unha das pedras do peitoril do pozo tiña un suco aberto, fondo e pulido. O roce da corda, unha e outra vez, día a día, ano tras ano, foi capaz de desgasta-la pedra. Aquel fenómeno foi para el unha luz decisiva: "Se a corda, tan débil, puido corta-la dura pedra, pola teima continuada, eu podo face-lo mesmo@.

Isidoro converteuse nunha lumieira, capaz de escribir libros como as "Etimoloxías", que contiñan boa parte do saber medieval. Chegou a ser arcebispo de Sevilla. Combateu a ignorancia do pobo e puxo grande esforzo na formación dos sacerdotes e na preparación intelectual das clases dirixentes.

PREGUNTAS PARA O DIÁLOGO

Cal cres ti que é a mensaxe que hoxe che presenta santo Isidoro respecto a túa formación?

No consideras coma un privilexio a oportunidade que se che ofrece para te poder formar?

Supéra-las tentacións de desánimo e aburrimento de que adoita disfrazarse a preguiza?

ORACIÓN

Pai bo. alegrámonos por santo Isidoro.

Bendicímoste con el e por el.

Pedímosche que o exemplo da súa vida

ilumine e alente as nosas mentes.

Que aprendamos do seu esforzo

ante o traballo cotián.

Que nos dea azos a súa vontade

e a súa teimosa constancia.

Que cultivémo-lo esforzo de cada día.

Que non nos venza a preguiza,

nin o medo e a covardía.

Sabemos que teremos dificultades

para ser fieis á túa vontade, Señor.

Que non nos desanimen os tropezos,

nin os momentos de desánimo.

ANIMADOR DO ORACIÓN TODOS
SAN XOÁN BAUTISTA DE LA SALLE ROGA POR NÓS
VIVA XESÚS NOS NOSOS CORAZÓNS POR SEMPRE!