OS DATOS DO DÍA
Xoves, 15 de Maio de 2025
Día internacional das Familias e Día de San Xoán Bautista de La Salle.
INTRODUCCIÓN PARA O EDUCADOR

Tomado de: “A ESCOLA DOS NENOS FELICES” Gudrun Pausewang Editorial Loguez Edicións

Vouvos contar un segredo: Hai unha escola onde non se aprende a deletrear, senón a cabalgar sobre cervos. Tampouco se aprende a fitar o encerado con ollos sonolentos, senón a navegar sobre nubes. Non a medir as carreiras con cronómetro nin os saltos con cinta métrica, senón a bailar sobre o arame. Non se aprende a baixar a cabeza nin a mirar de esguello ao mestre, senón a domar monstros. Tampouco a balbucir textos, senón a recoñecer pegadas de fada. E nada de que dous e dous son catro e a hora ten sesenta minutos, senón a facer maxia e a soñar. Non a estar sentado nas belas mañás de primavera nunha aula que cheira a trapo de encerado e a roupa suada, senón a recender como as flores. Non a pedir boas notas e tremer cando van ser entregadas, senón a camiñar sobre a auga. Alí tampouco se aprende que lúa empeza con l, estrela ten dous e, e que lobo ten unha b, senón a falar a linguaxe dos animais. Non a estar sentado inmóbil coa boca pechada, senón a vivir nas árbores. E moito menos a empuxar os demais. “Fóra de aquí!, eu primeiro”, senón a consolar as persoas tristes. Que onde está esa escola? No Val do Merlo, tres quilómetros máis aló de Pentecoste. Chámase “A escola dos nenos felices”. A súa porta está aberta de par en par. Vaite alí. E se un día regresas, cóntalles aos teus mestres onde estiveches. Quizais comecen a escoitarche.

PREGUNTAS PARA O DIÁLOGO

Que significa para ti, hoxe, ser parte de La Salle? Sentes o colexio coma se fose a túa propia casa? De que maneira axudas a que o colexio sexa casa para outros?

ORACIÓN

Oramos con Xoán Bautista de La Salle, patrón de todos os educadores cristiáns. Educar é o mesmo que poñer un motor a unha barca, hai que medir, pesar, equilibrar... ... e poñer todo en marcha. Pero para iso, un ten que levar na alma un pouco de mariño, un pouco de pirata... un pouco de poeta... e un quilo e medio de paciencia concentrada. Pero é consolador soñar mentres un traballa, que esa barca, ese neno, irá moi lonxe pola auga. Soñar que ese navío levará a nosa carga de palabras cara a pobos distantes, cara a illas afastadas. Soñar que cando un día estea a durmir a nosa propia barca, en barcos novos seguirá coa nosa bandeira enarborada. Axúdanos, Xoanba, no noso camiño de vida. Acompaña a nosa preparación como alumnos, a nosa tarefa como educadores, o noso labor como pais. Queremos construír un mundo mellor e sabemos que debemos prepararnos para iso. Coma ti, queremos dicir ao Bo Pai Deus "adoro en todo a vontade do Señor na miña vida" e por iso querémolo vivir xuntos, como comunidade educativa.

ANIMADOR DO ORACIÓN TODOS
SAN XOÁN BAUTISTA DE LA SALLE ROGA POR NÓS
VIVA XESÚS NOS NOSOS CORAZÓNS POR SEMPRE!