OS DATOS DO DÍA
Xoves, 18 de Setembro de 2025
SAN PEDRO DE MEZONZO (20 - IX)

Pedro viu as primeiras luces alá polo ano 930 na parroquia de Présaras, a poucos quilómetros de Curtis. Aos 18 anos chama ás portas do mosteiro de Sta. María de Mezonzo, situado a dúas leguas de Curtis, e nel dedícase ao estudio, ao traballo e á oración. Ordenado presbítero, pasou ao mosteiro de Sobrado, onde poucos anos despois sería nomeado abade. Procurou con máis empeño ser útil aos seus monxes, ca de impoñerlles a súa autoridade, de actuar máis con agarimo de pai, que coa rixidez de xuíz, dar testemuño coas obras, que coas palabras. No último cuarto de século, Pedro está de abade do mosteiro de San Paio de Antealtares en Compostela, coincidindo nel con San Rosendo. No ano 995 é nomeado bispo de Compostela. No seu tempo produciuse a desfeita de Almanzor, na que Pedro deu azos aos seus fieis, cheos de temor, e librou da profanación as reliquias do Santo Apóstolo.

A pesar da peste, da fame e dos desastres causados polos mouros e os normandos, Pedro non se deu por derrotado nin abatido. Soubo manter a serenidade de espírito e comezou de contado a reconstrución da Catedral e da Cidade. Contou para isto coa protección do Apóstolo e da Nai de Deus, a Virxe María, para quen compuxo a Salve Raíña, expresión magnífica da fe dun pobo, das súas arelas, da súa saudade e da súa esperanza.

A súa festa celébrase en toda Galicia o 10 de setembro.

Os santos non naceron, fóronse facendo no traballo cotián. (Anímate, podes moito máis do que pensas!             

Anímate, Deus e a súa Nai fan o camiño contigo e dan azos ao teu esforzo.

ORACIÓN

Salve raíña, nai agarimosa,

vida, dozura, esperanza nosa.

A ti chamamos os desterrados

fillos de Eva. A ti suspiramos,

xemendo e chorando en lonxana terra.

Salve raíña, nai agarimosa,

vida, dozura, esperanza nosa.

Avogada nosa, míranos con ollos

de misericordia, e despois deste desterro

lévanos a Xesús, froito do teu seo.

Oh clemente, oh pía, oh doce Nai, María.

Salve raíña, nai agarimosa,

vida, dozura, esperanza nosa.

ANIMADOR DO ORACIÓN TODOS
SAN XOÁN BAUTISTA DE LA SALLE ROGA POR NÓS
VIVA XESÚS NOS NOSOS CORAZÓNS POR SEMPRE!