OS DATOS DO DÍA
Xoves, 4 de Decembro de 2025
POR QUE TRABALLAS TI

Nunha mesma montaña de rocha traballaban tres canteiros. Falando un día entre os tres, mentres tomaban o almorzo, comentaron o motivo polo cada un estaba traballando.

         - Eu traballo agardando que chegue a hora de deixar de traballar - dixo o primeiro.

         - Pois eu traballo para que a miña familia poida comer. É un traballo moi duro, pero non hai máis remedio que facelo, porque de algo hai que vivir - dixo o segundo.

         - Pois eu traballo, aínda que vos riades, para facer unha catedral. Anímame moito pensar que o meu esforzo e a suor que emprego para dar forma a estas pedras servirá para facer unha fermosa catedral - contestou o terceiro.

         Aquí temos tres posturas moi distintas ante a vida. E se a ti che preguntamos: Ti, por que estudas?, que nos dirías? Porque non che queda máis remedio, porque che gusta, porque queres formarte para poder responder mellor ante a vida, polos teus pais, por sacar boas notas,...

         Estás rematando o primeiro trimestre. De contado chegará o Nadal. Fai un balance do teu traballo, e pensa un pouco. Quizais os resultados non sexan todo o bos que deberían ser porque nin sequera sabes por qué estudas. 


"Ano novo, vida nova". A ver se é certo.

PREGUNTAS PARA O DIÁLOGO

* Ti, por que estudas?

* Cres que as túas motivacións son as máis correctas?

ORACIÓN

L. Señor, ensíname a descubrir o sentido

   do meu traballo.

T. Que día a día, cando comece a miña xornada,

   o feito de pensar que así maduro e me

   formo para entregarme máis e mellor 

   me axude a traballar con máis ilusión.


L. Señor, axuda sobre todo os compañeiros 

   que máis o necesitan.

T. Que nunca ninguén de nós se dea por vencido. 

   Que non marxinemos a ninguén nin pensemos

   que é menos ca nós.

ANIMADOR DO ORACIÓN TODOS
SAN XOÁN BAUTISTA DE LA SALLE ROGA POR NÓS
VIVA XESÚS NOS NOSOS CORAZÓNS POR SEMPRE!