OS DATOS DO DÍA
Luns, 30 de Marzo de 2026
TENTACIÓN DA ENVEXA
C O R E S M A

É a tentación máis antipática, a que ninguén quere, mais todos senten. No fondo non é máis que a outra cara da soberbia. É non querer que o outro te supere en nada, porque ti soñas con se-lo máis guapo, o máis listo, o máis bo.

Entón atragántaseche a beleza ou a intelixencia ou a virtude do outro. Amólache que o outro teña máis éxito ca ti, e quixeras borralo do mapa.

A longo prazo quedaríaste só. A envexa é mesquiña, é celosa, é fea, antipática e odiosa, pero é universal. Dáse incluso entre os "bos", entre a xente que queren ser máis santos có outro. Fastídialles ter un santo ó lado. E non é santa envexa, senón noxenta envexa.

O triste desta tentación é que non frece pracer ningún, só ciumes, tristezas e frustracións. Se se cumprisen os seus desexos, e ás veces cúmprense sinistramente, coma no caso de Caín, o pracer resulta moi mesquiño e moi agre.

PREGUNTAS PARA O DIÁLOGO

Revísa-las túas actitudes e desexos cara ós demais?

Acéptaste a ti mesmo e ós demais tal como son, nun clima de sa convivencia?

ORACIÓN

No deserto ninguén é maior que ninguén.

Todos valemos moito, todos pouco.

Sobre a area corremos aproximadamente igual.

Aquí o último chegado é coma o primeiro.

Ninguén pode máis. Ninguén manda máis.

Todos precisan de todos.

 

Fai, Señor, que saibamos ver nos outros

compañeiros e amigos e non competidores.

Que valoremos canto de bo e nobre

percibimos en cantos nos rodean,

pois todo o que temos e somos

é don da túa liberal bondade

que reparte dons e calidades

a quen quere e na medida que quere.

Que nos decatemos de que só hai un Señor

e tódolos demais somos irmáns.

ANIMADOR DO ORACIÓN TODOS
SAN XOÁN BAUTISTA DE LA SALLE ROGA POR NÓS
VIVA XESÚS NOS NOSOS CORAZÓNS POR SEMPRE!