OS DATOS DO DÍA
Mércores, 1 de Abril de 2026
AS MANS DE XESÚS
C O R E S M A

Cristo entre nós, non veu senón a face-las obras do Pai (Xn,9,4). Ninguén coma Xesús foi para nós a man amiga de Deus. Cristo Xesús, que vivía eternamente colgado da man do Pai, non fixo outra cousa que tende-la man ós irmáns.

Tende a súa man ó home caído, coma o mellor samaritano.

Tende a súa man ó home leproso, curando o noso corpo impuro.

Tende a súa man ó home cego, devolvéndonos a todos a verdadeira luz.

Tende a súa man á muller adúltera, librándoa dos seus inquisidores.

Tende a súa man á multitude famenta, para saciar tódalas nosas fames.

Tende a súa man á nena morta, vencendo nela á mesma morte.

Tende a man ó apóstolo incrédulo, para regalarnos a todos a fe.

Xesús é para nós a man amiga de Deus. As súas mans están sempre abertas para acoller e perdoar, para axudar e liberar, para bendIcir e agarimar.

PREGUNTAS PARA O DIÁLOGO

Que xesto de Xesús realizado coas súas mans che chama máis a atención? Que nos está dicindo Xesús con todos estes xestos realizados coas súas mans?

Que imaxe de Deus nos transmite Xesús?

ORACIÓN

Fe non é agardar, fe non é soñar,

é a dura loita de hoxe para un mellor mañá;

é a fouce na man, é bota-la man,

a fe non é vivir ollando atrás.

 

Non esperes pan sen o sementar,

non esperes froitos dunha ponla sen podar:

hai que traballar, hai que sementar,

aínda que nos manque o porfiar.

Non soñemos máis co que marchou xa,

unha flor de hoxe esmorece no serán,

cómpre nova flor cada mañá.

Temos que avanzar coa comunidade,

darlle vida á terra e preparar un mellor chan,

cómpre nova flor cada mañá.

ANIMADOR DO ORACIÓN TODOS
SAN XOÁN BAUTISTA DE LA SALLE ROGA POR NÓS
VIVA XESÚS NOS NOSOS CORAZÓNS POR SEMPRE!