OS DATOS DO DÍA
Xoves, 7 de Maio de 2026
DÍA DA CRUZ VERMELLA (8-V)

A "Cruz Vermella" é unha organización internacional destinada a aliviar os sufrimentos humanos tanto na paz coma na guerra.

Está recoñecida e autorizada polas autoridades militares e goza de certos privilexios e inmunidades dentro das convencións internacionais.

J.H. Dunant, foi o primeiro en concibir e propoñer a idea de establecer "unha sociedade permanente de voluntarios que en tempo de guerra puidesen prestar auxilio aos feridos sen distinción de nacionalidades".

Que feliz sería o noso mundo se ninguén necesitase de ti, nin da túa irmá a "Media Lúa Vermella". Sería un sinal de que ningún ancián viviría desatendido, de que os campos de refuxiados non existirían, de que ningún pobo loitaría contra o seu veciño, de que os accidentes terían desaparecido das nosas estradas... Que marabilla non precisar de voluntarios!

Graciñas aos miles de persoas que manteñen á Cruz Vermella coa entrega das súas vidas. Graciñas porque coidas a formación de voluntarios que queren axudar os seus semellantes. Graciñas porque a túa soa presenza bérranos que debemos ser máis solidarios. Graciñas.

PREGUNTAS PARA O DIÁLOGO

Estás realizando algún tipo de servizo a prol da xente necesitada?

Se non o estás, por que non te decides?

ORACIÓN

Deus, noso Pai, bendí os que escolliches 

como colaboradores da túa graza 

para aliviar e sandar o sufrimento.

Que onde haxa perigo sosteñan a vida,

que onde haxa debilidade e dolor

proporcionen valor e fortaleza.

Concédelles, Señor, un amor sensible,

fai que sexan solícitos e agarimosos.

Que a túa bendición, Señor, 

descenda sobre os que sofren

e sobre os que os coidan,

uníndoos nunha fraternidade
feita de comprensión e de fe.

ANIMADOR DO ORACIÓN TODOS
SAN XOÁN BAUTISTA DE LA SALLE ROGA POR NÓS
VIVA XESÚS NOS NOSOS CORAZÓNS POR SEMPRE!