OS DATOS DO DÍA
Mércores, 12 de Marzo de 2025
DA INDIFERENCIA AO COMPROMISO

 Martín Luther King quería convencer os que acudiron á asemblea da necesidade de fomentar un sentido profundo de colaboración.

 Moitas veces escoitara de labios sen ilusión a queixa estéril:

 "Pero, eu... que podo facer?"

 

Mandou apagar as luces do estadio. Unha vez todos a escuras, preguntou:

 

      - Alguén podería axudar a iluminarnos? Todos permaneceron en silencio.

      Sacou o seu isqueiro e acendeuno.

      - Vedes esta luz? Responderon afirmativamente.

      - Sérvenos para algo? Novamente o silencio.

      - Sacade cada un o voso isqueiro e, cando eu vos dea o sinal, acendédeo. O estadio encheuse de pequenas luces.

 

No mundo hai moitas cousas que non están ben, que deberiamos cambiar pero, coa escusa de "eu non podo cambiar o mundo”, non facemos nada.. 

Comeza a cambiar ti e axuda a cambiar a túa familia, amigos e compañeiros. Se así o fas, contribúes a cambiar para ben o noso mundo.

PREGUNTAS PARA O DIÁLOGO

  * Que ofreces ás persoas que te rodean: ledicia, simpatía, axuda, enfados, liortas?

  * En que ou con quen podemos comprometernos máis?

ORACIÓN

Xesús, douche grazas

por estes anos da miña vida.

Pídoche que me axudes a vivir como

vivías Ti cando tiñas a miña idade.


Estes anos, que moitas veces

me parecen duros e difíciles,

son un tempo axeitado

para cultivar os dons que me deches.


Axúdame a empregar a miña vida

e as miñas forzas en favor dos demais.

ANIMADOR DO ORACIÓN TODOS
SAN XOÁN BAUTISTA DE LA SALLE ROGA POR NÓS
VIVA XESÚS NOS NOSOS CORAZÓNS POR SEMPRE!