OS DATOS DO DÍA
Mércores, 11 de Novembro de 2026
O ELEFANTE ENCADEADO

Cando eu era mozo encantábanme os circos, e o que máis me gustaba dos circos
eran os animais. Tamén a min como a outros, despois decateime, chamábame a
atención o elefante.
Durante a función, a enorme besta facía despregamento do seu tamaño, peso e
forza descomunal... pero despois da súa actuación e ata un momento antes de
volver ao escenario, o elefante quedaba suxeito soamente por unha cadea que
aprisionaba unha das súas patas cravada a unha pequena estaca no chan. Con
todo, a estaca era só un minúsculo anaco de madeira apenas enterrado uns
centímetros na terra. E aínda que a cadea era grosa e poderosa parecíame obvio
que ese animal capaz de arrincar unha árbore de raíz coa súa propia forza,
podería, con facilidade, arrincar a estaca e fuxir. O misterio é evidente: Que o
mantén entón? Por que non foxe?
Preguntei entón a algún mestre, a algún pai, ou a algún tío polo misterio do
elefante. Algún deles explícome que o elefante non se escapaba porque estaba
amestrado. Fixen entón a pregunta obvia: ‐Se está amestrado, por que o

encadean? Non lembro recibir ningunha resposta coherente. Co tempo
esquecinme do misterio do elefante e a estaca... e só o lembro cando me atopo
con outros que tamén se fixeran a mesma pregunta. Hai algúns anos descubrín
que por sorte para min alguén fora o bastante sabio como para atopar a
resposta:
O elefante do circo non se escapa porque estivo atado a unha estaca parecida
desde moi, moi pequeno. Pechei os ollos e imaxíneme o pequeno acabado de
nacer suxeito á estaca. Estou seguro de que naquel momento o elefantiño
empuxou, tirou, suou, tratando de soltarse. E a pesar de todo o seu esforzo, non
puido. A estaca era certamente moi forte para el. Xuraría que durmiu esgotado,
e que ao dia seguinte volveu probar, e tamén ao outro e ao que lle seguía... Ata
que un día, un terrible día para a súa historia, o animal aceptou a súa
impotencia e resignouse ao seu destino. Este elefante enorme e poderoso, que
vemos no circo, non se escapa porque cre ‐ pobre‐ que NON PODE. El ten
recordo da súa impotencia, daquela impotencia que sentiu pouco despois de
nacer. E o peor é que xamais volveu a cuestionarse seriamente ese recordo.
Xamais... xamais... intentou poñer a proba a súa forza outra vez...

PREGUNTAS PARA O DIÁLOGO

Coñecemos a algún animal que viva triste e sen liberdade?
Hai persoas sen liberdade? Sentímonos libres?
Podemos facer o que queremos en cada momento?
A liberdade supón responsabilidades. Cales?

ORACIÓN

Señor, axúdanos a descubrir como podemos axudar: aos que se senten escravos,
aos que non coñecen a liberdade.
Señor, grazas pola nosa liberdade, un valor tan importante para o
desenvolvemento de todas as persoas.

ANIMADOR DO ORACIÓN TODOS
SAN XOÁN BAUTISTA DE LA SALLE ROGA POR NÓS
VIVA XESÚS NOS NOSOS CORAZÓNS POR SEMPRE!